O vindeiro martes 23, ás 19:00 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a presentación de Regatos polo aire, un proxecto literario e audiovisual que recupera o oficio do selleiro José Vicente Lagoa e afonda no papel das sellas e da auga na sociedade tradicional galega.
A iniciativa, impulsada por Rebordelos, está composta por un documental dirixido por Xacio Baño e por un libro coordinado por María Lado, que reúne relatos orixinais de Xerardo Pereiro, Llerena Perozo, Carme Varela, Emma Pedreira, Suso Bahamonde, Diego Ameixeiras e Susana Sanches Aríns. A publicación inclúe tamén unha completa selección de fotografías de arquivo, que contribúen a contextualizar visualmente este patrimonio material e inmaterial.
Durante o acto de presentación proxectarase o documental e agasallaranse exemplares do libro ás persoas asistentes. O encontro completarase cunha intervención musical de Dara e Manuel (Aldara Palmeiro e Manuel Lucas), cun repertorio no que a auga e as fontes se converten no fío condutor.
Regatos polo aire foi un dos proxectos premiados no I Certame Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025, convocado pola Deputación da Coruña. A edición do libro contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e o proxecto audiovisual co apoio do Museo do Pobo Galego.
A entrada será libre até completar a capacidade do espazo.