Desde o 14 de novembro poderá verse no Museo do Pobo Galego a exposición dos proxectos gañadores da XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas: na categoría de ensino primario, o proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polo CEIP Lamas de Abade, o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela) e o CEIP Pérez Viondi (A Estrada); e na de ensino secundario, A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, do IES Monte Castelo (Burela).
O primeiro dos proxectos é froito dun traballo de máis de dez anos, realizado de maneira continuada polas comunidades educativas dos tres centros mencionados e ampliado ano tras ano, en relación con outros centros de ensino de contorna de Santiago de Compostela, sobre o Entroido galego. Este proxecto non se detén exclusivamente na valoración puramente estética e festiva dunha festa, senón que afonda nos valores comunitarios e interxeracionais que se evidencian nas múltiples expresións da manifestación, converténdoo nun proxecto educativo polifacético no que se valora a diversidade, se potencia o compoñente improvisatorio, se procuran canles de comunicación entre os diversos entroidos galegos, á parte de documentarse e mellorar o coñecemento dun rico patrimonio oral que debe seguir vivo auténtico e integrador.
Na exposición poderase ver, de maneira moi didáctica e sintética, a actividade desenvolvida polos distintos centros con vistas a afondar no coñecemento e na difusión dun feito histórico e cultural tan noso como é o Entroido.
No proxecto A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, a comunidade educativa do IES Monte Castelo de Burela centrouse no estudo, documentación e recreación, con vistas á musealizaión, do proceso que empregaban os mariñeiros para conseguir preservar os seus aparellos de pesca realizados a partires de fibras naturais pouco duradeiras (principalmente algodón, pero tamén liño, ou cáñamo), para ampliar a súa vida útil.
Trátase da técnica tradicional e xa desaparecida do encascado para tinguir estes aparellos (redes, velas, roupa de faena...), mediante un proceso complexo, dunha tintura extraída de cortiza vexetal. Esta técnica formou parte do patrimonio cultural de distintas vilas mariñeiras galegas, como é o caso de Burela.
Na exposición poderase documentar polo miúdo, coa axuda de maquetas e material gráfico, os distintos pasos para obter o resultado desexado, rescatando do esquecemento o proceso de encascado para convertelo nun contido museístico.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido desde 2004 pola fundación homónima e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende poñer en valor as pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico desenvolvidas no marco dos centros de ensino galegos.