O vindeiro martes, 21 de outubro, ás 19 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a presentación do libro Catálogo do Cantar de Cego Galego, Volume 1: Voandeiras, de Baldomero Iglesias "Mero".
O acto contará coa intervención de Concha Losada, responsable do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) e presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Diniz Cabreira, socio na Companha Editora; Xosé Quintás Canella, músico, cantante e prologuista do libro e mais Baldomero Iglesias, o autor. O peche do acto será unha actuación musical a cargo de Miro Casabella.
A publicación, que contou coa colaboración do APOI do Museo, afonda na figura do cego errante, que percorreu camiños, feiras e romaxes levando un canto itinerante que facía vibrar auditorios improvisados. Figura arquetípica, evocada polo tempo cunha visión amable e poética, representaba un modelo humano moi propio, convertido en referente estético e simbólico. Este primeiro volume do catálogo, subtitulado Crónica e descrición de persoas, músicas e cantadelas, recolle ensaios e descrición sobre a figura das cegas e cegos cantores e unha proposta de catalogación dos xéneros rexistrados.