Visita guiada para persoas socias: Curtis, Muras e Ourol

Submitted by xestor on Wed, 10/01/2025 - 07:17
18
Oct
2025
Visita guiada para persoas socias: Curtis, Muras e Ourol
Imaxe
Visita guiada Curtis, Muras e Ourol

A oficina de socias/os organiza unha visita guiada ao lugar de As Aguias-Muras o vindeiro sábado, 18 de outubro.

  • 8:30 h: saída en autobús da dársena da rúa Valle Inclán (Colexio La Salle).
  • 09:30 h: chegada a Curtis. Tempo para un café.
  • 10:00 h: visita á Casa-Museo de María Antonia Dans. Trátase da casa familiar onde ela viviu parte da infancia e á que retornaba nas tempadas estivais. O centro conta só cun ano de vida e o seu proxecto expositivo encóntrase en desenvolvemento.
  • Deseguido partiremos para As Aguias-Muras para ver a exposición que alí promove o Legado Activo Beiras Cal. Unha mostra artellada como un tributo aos irmáns Álvarez Blázquez, que recolle 44 serigrafías editadas desde Serigrafía Gallega, a empresa de Álvaro Álvarez Blázquez no ano 1971. A colección fai un percorrido por dezanove das e dos artistas máis destacados do panorama galego do momento e unha mostra de case un centenar  de libros que ilustran o labor de Xosé María Álvarez Blázquez, como autor editor, así como tamén doutros dos irmáns Álvarez Blázquez. A exposición poderá verse nas dependencias do vello Mesón das Aguias, a antiga caseta de correos e o hórreo da casa familiar da pedagoga Antía Cal, quen fundara en Vigo a escola Rosalía de Castro.
  • 14:00 h: xantar en Muras, no Restaurante “Casa Santi”.
  • 16:30 h: percorreremos os cemiterios do concello de Ourol da man de Anxo Vázquez, quen ten escrito un libro sobre o tema.
  • 19:00 h (aproximadamente): regreso a Compostela.

Acompañaranos na visita a Muras Carme Varela, comisaria da exposición e socia do Museo do Pobo Galego.
Para anotarse cómpre enviar un correo a socios@museodopobo.gal, concretando nome e apelidos e teléfono de contacto. O prazo límite de recepción de correos é o 16 de outubro, ás 14:30 horas.