"586 cantos" no Museo do Pobo Galego

Submitted by xestor on Fri, 08/29/2025 - 11:57
27
Sep
2025
"586 cantos" no Museo do Pobo Galego
Imaxe
586 cantos

O espectáculo 586 cantos fará de clausura á exposición Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión. O concerto terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego o vindeiro sábado, 27 de setembro, ás 20 horas.

Impulsado pola MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) Museo do Pobo Galego, como sesión inaugural da súa 19ª edición, 586 cantos é un espectáculo audiovisual ao redor do Cancioneiro Popular Galego. Obra fundamental para o coñecemento da nosa tradición oral, é o froito do traballo de investigación de Dorothé Schubarth e dos saberes que nos legaron as creadoras e transmisoras da nosa poesía oral: as cantareiras ás que este ano está dedicado o Día das Letras.

As gravacións sonoras orixinais de Dorothé, as fotografías, as transcricións de textos e as partituras da compilación realizadas coa colaboración de Antón Santamarina entre 1975 e 1985 e depositadas no Museo, son o punto de partida deste evento no que dialogan coplas, melodías e imaxe co que damos peche as actividades ao redor da exposición Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión. A montaxe audiovisual que forma parte do espectáculo correu a cargo de Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, combinada en directo coa reinterpretación musical de oito deses cantos, da man de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal. Tamén colaboraron na creación deste espectáculo Antía Ameixeiras nos arranxos musicais, Isabel Vigo na documentación, Jesús García no son e Ana Estévez na idea e produción executiva.

A entrada será libre até completar capacidade.