O último xoves do mes de setembro celebramos unha nova cita do ciclo Faladoiros en Bonaval. Nesta ocasión, co faladoiro titulado Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, da man da historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez.
Será unha conversa centrada na exploración das temáticas e influencias presentes na novela de terror e fantasía Un ollo de vidro (1922) de Castelao. Concretamente, afondarase no xeito no que o autor resulta a man mestra que, xunto con Vicente Risco e Camilo Díaz Baliño, estableceu o xénero fantástico e terrorífico tanto na literatura como na arte galega.
Un ollo de vidro é unha sinerxía entre a cultura popular galega e as culturas de Centroeuropa e Europa Oriental materializando o sentido da universalidade, tanto como emancipación cultural como en contribución ao progreso da Humanidade. Como obra conta tanto con referencias a realidade coetánea como con citas históricas (a arte gótica, a arte flamenca), contemporáneas (o Romanticismo Negro), arte nova (cinema, deseño gráfico, ilustración e cartelismo) e vangardas (Expresionismo Alemán). Ao participar de todos este elementos, a obra de Castelao transcendeu o seu imaxinario ata albiscar moita da linguaxe cinematográfica que hoxe en día continúa vixente.
O faladoiro terá lugar no auditorio do Museo, o xoves, 25 de setembro, ás 19 horas. Presentado polo patrón do Museo Xosé Ramón Fandiño, o faladoiro pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente. A entrada é libre até completar capacidade.
Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da Arte, investigadora, escritora, conferenciante e creadora. É licenciada en Historia da Arte, con especialización en Arte da Era Moderna, pola Universidade de Santiago de Compostela. É investigadora pola Universidade de Santiago de Compostela, membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e socia do Museo do Pobo Galego. É membro do padroado da Fundación Vicente Risco e antigo membro do padroado da Fundación Luís Seoane. É autora con mais de 10 anos de libros, folletos, artigos -tanto en soporte dixital como en soporte físico- e ten participado en presentacións, conferencias e documentais. Da súa man son os libros A orixinalidade radica na orixe e O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística. Igualmente conta con publicacións en Art Style. Art and Culture International Magazine, Abrente. Revista da Real Academia Galega de Belas Artes, Mazarelos. Revista de Historia e Cultura, Murguía – Revista Galega da Historia ou no Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Levou a cabo conferencias no Consello da Cultura Galega, no Museo de Pontevedra, no Museo Provincial de Lugo, na Real Academia Galega de Belas Artes, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Facultade de Xeografía e Historia e na Universidade da Coruña. Contribuíu como comisaria asesora na exposición As miradas de Isaac, que tivo lugar na Cidade da Cultura entre o 2020 e o 2021.